PEFC

ORÍXES

Nas últimas décadas, xerouse unha inquietude máis ou menos xeneralizada pola destrución do medio. A sensibilización social ante a deforestación, especialmente nas rexións tropicais, a contaminación e o cambio climático plásmase na celebración de diversas iniciativas intergobernamentais.

A primeira definición de Xestión Forestal Sostible xorde na Conferencia Ministerial de Nacións Unidas de Río de Xaneiro no ano 1992.

En Europa, o proceso de cooperación internacional para tratar a problemática dos bosques plasmouse a través dunha serie de Conferencias Ministeriais para a Protección de Bosques en Europa, nas que se fai referencia á certificación forestal e á Xestión Forestal Sostible.

A idea da certificación da madeira remóntase aos anos 80, coa proposta por parte das organizacións ecoloxistas británicas, de establecer unha etiqueta internacional para os produtos de madeira tropicais producidas de forma sostible.

Tras este primeiro paso, foron as ONG ecoloxistas, as primeiras en desenvolver un sistema para certificar os bosques a escala mundial e, en 1993, crearon o Consello de Administración Forestal (Forest Stewardship Council), como órgano da certificación FSC.

A finais dos anos 90, inícianse movementos que desexan romper o afán monopolístico dun único sistema de certificación forestal. O que maior proxección alcanzou foi o xerado no seo da CEPF, (Confederación de propietarios forestais privados europeos), onde se reuniron todos os axentes interesados na materia, propietarios forestais, industria de madeira, moble, pasta e papel, comerciantes; en concreto representantes de 14 países europeos, entre os que xa se encontraba España, e que deron lugar ao sistema de certificación PEFC.

SISTEMA PEFC

PEFC xorde en 1998 como unha iniciativa voluntaria do sector privado forestal, baseada nos criterios e indicadores emanados das Conferencias Ministeriais para a Protección dos Bosques de Europa.

PEFC caracterízase por estar adaptado á realidade das diferentes rexións climáticas mediante a utilización dos criterios e indicadores específicos para cada rexión e ofrece un marco para o establecemento de sistemas de certificación nacionais e o seu mutuo recoñecemento.

O sistema PEFC réxese polo establecido no Documento Técnico Internacional, no que se definen os principios guía, elementos comúns e requisitos que deben cumprir os sistemas de certificación que desexen utilizar a marca rexistrada PEFC.

PEFC ESPAÑA

España incorporouse en xuño de 1998 á iniciativa PEFC e en maio de 1999 constituíuse PEFC-España como unha entidade sen ánimo de lucro, aberta á participación de asociacións de ámbito estatal ou sectorial, produtores forestais, industriais, comerciantes, consumidores ou ONG interesadas na xestión forestal sostible, sendo recoñecida polo Consello PEFC como o ente de administración da Certificación para España.

Desde a súa constitución traballouse no desenvolvemento do Sistema Español de Certificación Forestal que, finalmente, foi aprobado en xuño de 2002.

O Sistema Español de Certificación Forestal está composto por dúas partes fundamentais, o Documento Técnico Español, o esquema organizativo e as Normas UNE de Xestión Forestal Sostible.

Subvencionado por: